Noja é un concello da comunidade autónoma de Cantabria, situado na comarca de Trasmiera. Limita polo norte co Mar Cantábrico, polo oeste e o sur con Arnuero, polo sur con Argoños e polo leste con Santoña. O municipio de Noja non se organiza en localidades, senón que consta só de varios barrios, sendo sede do consistorio o barrio de Palacio.
Noja pertenceu desde o século IX até 1834 á Junta de Siete Villas, unha das cinco xuntas que compoñían o Meiriñado de Trasmiera. Un feito destacable da historia local é que en 1644 Noja recibiu de Filipe IV o título de vila, o que lle permitiu ser independente desta xunta e capacitada para nomear os seus propios alcaldes.
Desde finais do século XIX Noja é famosa como destino turístico e actualmente, o turismo é a principal actividade económica, que multiplica a poboación municipal até chegar aos 100.000 habitantes no verán grazas aos visitantes chegados principalmente do País Vasco, A Rioxa, Madrid e Castela e León. A explicación á chegada de tantos turistas débese ás praias do municipio e á masiva construción de novas vivendas, que fóra de tempada fican deshabitadas.
Vista da praia de Trengandín, con Helgueras e El Brusco ao fondo.Vista de Noja desde a praia de Tregandín.
As Marismas de Santoña, Victoria e Joyel, situada cada unha nun extremo do municipio, son un grande atractivo como reserva natural e para as aves, que tamén recalan nas marismas de Santoña nas súas migracións.
Un 3,3% da poboación do municipio emprégase no sector primario, un 33% na construción, un 11,5% na industria e un 52,2% no sector terciario. No municipio a taxa de actividade é do 51,7% e a taxa de paro é do 17%, cando a media en Cantabria é de 52,5% e 14,2% respectivamente.