close
Saltar ao contido

Wang Chong

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaWang Chong
Biografía
Nacemento27 Editar o valor en Wikidata
Shangyu District Editar o valor en Wikidata
Morte97 Editar o valor en Wikidata (69/70 anos)
Actividade
Campo de traballoFilosofía Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónfilósofo, astrónomo, meteorólogo, matemático Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteEnciclopedia Soviética Armenia
Hòuhànshū
Q18825259 Traducir Editar o valor en Wikidata

Wang Chong (en chinés: 王充; pinyin: Wáng Chōng; Wade-Giles: Wang2 Ch'ung1), nome de cortesía Zhongren (仲任), nado no ano 27 e finado no 97,[1] foi un astrónomo, meteorólogo, naturalista, filósofo e escritor chinés da dinastía Han do leste. Destacou por desenvolver unha concepción racional, secular, natural e mecanicista do mundo e dos seres humanos, ofrecendo unha explicación material da orixe do universo.[2] O seu traballo principal é o Lunheng (en galego: Ensaios críticos). Este libro contén múltiples teorías relativas á astronomía e á meteoroloxía. Wang Chong foi tamén o primeiro na historia chinesa en mencionar o uso da bomba hidráulica de cadea de paleta cadrada, que sería posteriormente común para a irrigación e a construción de obra pública.[3] Wang tamén describiu con precisión o ciclo da auga.

A diferenza da maioría de filósofos chineses do seu período, Wang foi pobre gran parte da súa vida. Cóntase que estudou lendo directamente xunto aos andeis, xa que posuía unha memoria prodixiosa que lle permitiu coñecer a fondo os clásicos chineses. Finalmente, atinxiu o rango de Secretario de Distrito, mais foille axiña retirado pola súa natureza combativa e antiautoritaria.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Wang naceu nunha familia pobre da actual Shangyu, en Zhejiang.[1] Fillo de Wang Song, foi admirado na localidade pola súa piedade filial e a súa devoción cara ao pai.[1] A instancia dos pais, Wang viaxou á capital oriental de Luoyang para estudar na Academia Imperial.[1] Alí, coñeceu ao prestixioso historiador Ban Biao (3-54), que posteriormente iniciou a redacción do Han shu (en galego: Libro dos Han).[1] Tamén trabou amizade con Ban Gu (32-92), fillo de Ban Biao, outro dos autores do Han shu. Debido á súa situación económica, Wang carecía de medios para mercar os libros necesarios para os seus estudos, polo que adoitaba ir ás librarías a estudar.[1] Durante esta etapa, é probable que recibise a influencia da escola realista dos Textos Antigos, a través de autores como Huan Tan (finado en 28).[4] As súas orixes humildes produciron nel un resentimento contra os oficiais, que eran admirados só pola súa riqueza e poder, mais non polas súas habilidades ou erudición.[1]

Wang regresou ao seu fogar natal como profesor.[1] Despois, foi elevado a Oficial do Mérito, mais terminou por dimitir debido á súa natureza crítica e preiteante.[1] Iniciou así un período de retiro e illamento durante o que compuxo os seus principais ensaios filosóficos: Jisu ("Sobre a moral común"), Jeiyi ("Censuras"), Zheng wu ("Sobre o goberno") e o Yangxing shu ("Sobre os macrobióticos").[1] Uns oitenta destes ensaios foron logo compilados no seu célebre Lunheng ("Ensaios críticos").[1]

Malia o seu retiro voluntario, acabou por aceptar unha invitación do inspector Dong Qin da provincia de Yang para traballar como Oficial da Sede Central.[5] Non obstante, Wang axiña dimitiu tamén deste posto.[5] Xie Yiwu, un amigo da infancia do autor e funcionario cunha longa carreira, recomendouno para a corte como erudito do emperador Zhang dos Han (r. 75-88).[6] Este aceptou a proposta e convocou a Wang Chong na súa corte, mais este rexeitou viaxar aducindo problemas de saúde.[6] Finou no seu fogar contra o ano 100.[1]

A pesar de que a súa filosofía racionalista, crítica co chamado confucianismo do Novo Texto, foi ignorada durante a súa vida, o importante oficial e erudito Cai Yong (132-192) escribiu posteriormente unha louvanza dos seus traballos.[7] O político Wang Lang (finado no 228) adquiriu unha copia do Lunheng que levou na súa viaxe á corte de Cao Cao (155-220) en Xuchang, en 198.[7] Debido á perda de influencia da filosofía do Novo Texto, o pensamento racionalista de Wang Chong tivo maior presenza no pensamento chinés posterior.[7]

  1. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 Crespigny 2007, p. 806.
  2. Martin 2006, p. 228.
  3. Needham 1986, p. 344.
  4. Crespigny 2007, p. 338.
  5. 1 2 Crespigny 2007, pp. 152, 806.
  6. 1 2 Crespigny 2007, pp. 806, 895.
  7. 1 2 3 Crespigny 2007, p. 807.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Crespigny, Rafe de (2007). A Biographical Dictionary of Later Han to the Three Kingdoms (23-220 AD) (en inglés). Koninklijke Brill. ISBN 90-04-15605-4. 
  • Martin, Michael (2006). "Atheism and Religion". En Martin, Michael. The Cambridge Companion to Atheism (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 9781139827393. 
  • Needham, Joseph (1986). Science and Civilization in China: Volume 4, Physics and Physical Technology, Part 2, Mechanical Engineering (en inglés). Cambridge University Press.