close
Saltar ao contido

Galician Programme

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Galician Programme
 Instancia de
Características
 Lingua orixinal
Implicados
 Creador/a
 Director/a
 Emisora orixinal
Datas
 Data de comezo
1947 Editar o valor en Wikidata
 Data de remate
1956 Editar o valor en Wikidata
Localización
 País de orixe
Wikidata

Galician Programme foi un programa radiofónico emitido pola emisora inglesa BBC desde Londres entre os anos 1947 e 1956. Atinxiuse unha continuidade periódica e realizáronse 83 programas que, a excepción de 3, se transmitían en lingua galega.

Contexto histórico

[editar | editar a fonte]

Este programa xurdiu durante o franquismo, etapa en que a produción cultural en galego era mínima por causa da represión e que motivou que a maior parte da actividade intelectual se desenvolvese no exilio (en Francia, Inglaterra ou nos países hispanoamericanos). Nesta situación, xorde desde a BBC de Londres unha serie de programas sobre as rexións históricas de España: Cataluña, País Vasco e Galiza. O Galician Programme e xorde entón en 1947 como resposta á demanda da audiencia española desta emisora de noticias e información acerca da situación política en España e coa intención de rehabilitar os valores autóctonos.

O impacto que ocasionaron estas emisións débese á importancia do papel da radio nestes anos, pois constituía o principal medio de comunicación da época. Esta cumpría fins propagandísticos para o réxime de Franco e, por mor do bloqueo internacional que sufría España, este tipo de emisións desde o estranxeiro considerábanse como unha intromisión contraria aos intereses do réxime autárquico do país. A pesar da ausencia de contido político da programación, o uso do galego como manifestación cultural implicaba unha oposición á vontade de castelanización e de uniformación do Estado e, para alén diso, os colaboradores tiñan un pasado vinculado ao nacionalismo galego.

Historia de creación do programa

[editar | editar a fonte]

A sección española da BBC, con George Hills como director de programas para España, concibe a idea da realización do Spanish Programme, un programa con carácter de exaltación rexional e de difusión da cultura diferenciada das comunidades históricas de Galiza, País Vasco e Cataluña.

Os principais artífices que contribuíron na creación do programa foron Alejandro Raimúndez e Francisco Fernández del Riego:

Alejandro Raimúndez, forzado a exiliarse en Londres durante a Guerra Civil, entra en contacto con Fernández del Riego, a quen lle encarga o labor de procurar colaboracións para o programa por parte de intelectuais galegos, os cales accederon e cooperaron activamente. Alejandro Raimúndez, que operaba baixo o pseudónimo de “Xavier Fernández”, desempeñou o papel de presentador, foi autor de tres programas e encargábase frecuentemente da lectura dos textos que se enviaban desde Galiza.

Francisco Fernández del Riego, ademais de ser o colaborador que máis guións remitiu, foi, de forma invisíbel para o ouvinte, o principal impulsor do programa: como coordenador, conseguía un contacto óptimo cos autores galegos que participaron no programa; alén diso, mecanografaba os textos que recibía e, finalmente, encargábase de asegurar a dispoñibilidade e o envío de material a Londres para o programa.

Estrutura do programa

[editar | editar a fonte]

O Spanish Programme, no cal se enmarca o programa do que estamos a tratar, comeza en 1947 e perdura até 1956. Emitíase os luns e tiña unha duración de aproximadamente 45 minutos. Dentro deste, o espazo dedicado ao Galician Programme oscilaba entre dez e quince minutos —do mesmo xeito que o programa catalán e o éuscaro— e emitíase cada tres semanas, pois alternábase na emisión con estoutros programas rexionais. O horario era variábel: no seu comezo, emitíase desde as 23:45 h até as 00:15 h (o que máis permaneceu); despois, desde as 22:00 h até as 22:45 h e, finalmente, desde as 21:00 h até as 21:45 h.[1]

Temática

[editar | editar a fonte]

Os temas tratados no Galician Programme eran moi diversos, abranguendo desde etnografía, historia, arte e literatura até agricultura, xeografía ou música. Alén diso, nun mesmo programa, podían ser tratados diversos temas.[2]

Segundo a clasificación temática proposta no libro Galicia desde Londres: Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galegos da BBC, 1947-1956, o cal recolle unha gran parte da información relativa a este programa, a maioría dos programas refírense «ás afinidades e relacións de todo tipo entre a cultura galega e a inglesa e irlandesa»[3]. Deste xeito, moitos programas tratan asuntos como o celtismo, traducións poéticas entre o inglés e o galego, análises comparativas, a recepción e a relevancia de Galiza na literatura inglesa, a emigración ou a celebración de tradicións populares galegas en Gran Bretaña.

Nun marco máis xeral, existe un predominio da etnografía e historia (35 programas) e da literatura (63 programas). En menor medida, dedicáronse programas a biografías de autores (10 programas), á arte (4), á economía (1) e a unha recompilación de viaxes.

Colaboracións

[editar | editar a fonte]

Unha gran cantidade de persoeiros do ámbito intelectual galego e vencellados ao nacionalismo tomaron parte neste programa radiofónico. Estes realizaban colaboracións esporádicas na gran maioría dos casos; porén, destaca especialmente a participación de Fernández del Riego e Plácido Ramón Castro, os cales contribuíron nun total de 12 e 11 sesións respectivamente.[4]

Colaborador/aN.º de
colaboracións
Emilio Álvarez Blázquez1
Xosé María Álvarez Blázquez5
Fermín Bouza-Brey5
Ricardo Carballo Calero2
Leandro Carré Alvarellos7
Xesús Carro García4
Plácido Ramón Castro11
Xosé Crecente Vega1
Álvaro Cunqueiro1
Manuel Chamoso Lamas1
Xosé Díaz Jácome1
Rafael Dieste1
Nina Epton1
Felipe Fernández Armesto2
Celestino Fernández de la Vega1
Francisco Fernández del Riego (“Salvador Lorenzana”)12
Celso Emilio Ferreiro2
Ánxel Fole3
Frederick Fuller1
Ramón González Alegre1
Eleuterio González Salgado3
George Hills1
Aquilino Iglesia Alvariño4
Florentino López Cuevillas5
Teodoro López Sanmartín (“San Martiño”)1
Manuel María1
Sebastián Martínez Risco1
Eduardo Martínez Torner2
Ramón Otero Pedrayo4
Ramón Piñeiro1
Alejandro Raimúndez (“Xavier Fernández”)3
Xosé Ramón Fernández-Oxea (“Ben-Cho-Shey”)4
Stephen Reckert3
Faustino Santalices1
Benito Varela Jácome1
Pura Vázquez1
Alfonso Vázquez Martínez1
Ramón Vilar Ponte3


Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • de Toro Santos, Antonio Raúl (1994). Galicia desde Londres: Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galegos da BBC, 1947-1956. Oleiros: Editorial Tambre. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]