Shinkansen (新幹線) é a rede de ferrocarril de alta velocidade do Xapón, o servizo efectúano catro compañías da Japan Railways. A primeira liña foi a Tōkaidō Shinkansen, entre Tokyo e Osaka, aberta en 1964 e que alcanzaba unha velocidade de 210km/h, o éxito comercial (máis de 100 millóns de viaxeiros en menos de tres anos) fixo que a rede se ampliase ata atinxir oito liñas e 2.459km, ligando a maioría das grandes cidades das illas de Honshū e Kyūshū con velocidades de máis de 300km/h. en probas chegouse ata 443km/h para raís convencionais en 1996 e a 581km/h (o récord do mundo) para (361mph) en trens de levitación magnética. Os trens viaxan durante o día, de 6 da mañá ata as 24, logo e ata as 6 da mañá realízanse operacións de mantemento e percorre a rede o coñecido como Doctor Yellow (ドクターイエロー), un convoi que testa as liñas.
As orixes da rede de alta velocidade xaponesa están na década dos cincuenta do século pasado, nese momento, algúns tramos da rede convencional, como a liña Tokaido, estaban a piques de se saturar, e por iso a compañía decide a construción dun novo sistema para desconxestionar o corredor Tokyo-Osaka, converténdose o primeiro país en dotarse dunha liña de alta velocidade, as obras comezaron en 1959 e a primeira liña inaugurouse con motivo dos Xogos Olímpicos de Tokyo. A palabra Shinkansen significa literalmente "Nova gran liña" e refírese estritamente ao trazado das vías, mentres os trens reciben o nome de "Super Expresos" (超特急, chō-tokkyū), porén no uso popular tanto as vías como os trens chámanse shinkansen . Shinkansen utiliza o largo de vía normal (1.440mm) e en 40 anos de funcionamento non houbo accidente ningún, o terremoto do 23 de outubro de 2004 provocou o descarrilamento espectacular dun Shinkansen 200 que efectuaba o servizo Toki 231, circulando a 200km/h na liña Tokyo-Niigata pero sen ocasionar vítimas.