Historicamente a roupa sen engurras considerábase un símbolo de distinción entre clases sociais. Os primeiros utensilios utilizados eran pezas lisas de madeira ou ferro que se pasaban sobre a roupa en frío. No século XVII as familias modestas utilizaban unha peza lisa de ferro con mango que se quentaba colocándoa sobre o lume. Este instrumento tiña a desvantaxe de manter a calor pouco tempo e deixar feluxe sobre a roupa. Na mesma época as familias acomodadas utilizaban o ferro de pasar con caixa que contiña brasas e mantiña a calor durante máis tempo. No ano 1882 o norteamericano Henry W. Seely ideou o ferro de pasar eléctrico, aínda que non tivo utilidade práctica ata 1924 coa introdución do termóstato regulable. O ferro de pasar eléctrico con difusores de vapor foi comercializado en 1926 pola compañía Eldec. No século XXI este utensilio doméstico é amplamente utilizado nos fogares de todo o mundo.