close
Saltar ao contido

Ralo africano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Crecopsis»)
Ralo africano
BERJAYA
En Suráfrica
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Gruiformes
Familia: Rallidae
Xénero: Crecopsis
Sharpe, 1893
Especie: C. egregia
(Peters, W, 1854)
       Visitante reprodutor no verán        Residente todo o ano(as distribucións son aproximadas)
       Visitante reprodutor no verán
       Residente todo o ano
(as distribucións son aproximadas)

       Visitante reprodutor no verán
       Residente todo o ano
(as distribucións son aproximadas)
Sinonimia

Ortygometra egregia
Crex egregia
Porzana egregia

O ralo africano[2] (Crecopsis egregia) é unha ave de tamaño pequeno a medio que vive no chan da familia dos rálidos, atopado na maioría do sur de África. É común estacionalmente na maioría da súa área de distribución excepto nas selvas e nas áreas que teñen unha precipitación anual baixa. Este ralo é parcialmente migrador, partindo da zona ecuatorial en canto as chuvias proporcionan suficiente cobertura de herba que lle permita vivir noutra parte. Houbo algúns rexistros de exemplares vagantes que chegaron ás illas atlánticas, mesmlo a Tenerife. Esta especie nidifica nunha ampla variedade de tipos de pradeiras e tamén pode utilizar terreos agrícolas con cultivos de talo alto.

O ralo africano é un ralo máis ben pequeno con dorso anegrado con manchas marróns, parte ventral gris azulada e manchas negras e brancas nos flancos e ventre. Ten un bico vermello máis ben gordo, ollos vermellos e unha liña branca que vai desde o bico ata a zona por riba do ollo. É máis pequeno que o rei dos paspallás, o cal é tamén de plumaxe máis claro e ten unha liña no ollo. O ralo africano fai diversas vocalizacións, a máis característica é unha serie de rápidos sons renxentes krrr. É activo durante o día e é territorial tanto nas áreas de reprodución coma fóra delas; o macho fai unha exhibición de ameaza, e pode loitar nos límites do seu territorio. O niño é unha copa pouco profunda de follas de herba construída nunha depresión baixo unha mata de herba ou pequeno arbusto. Os seus de 3 a 11 ovos empezan a facer eclosión despois duns 14 días, e as crías negras, cubertas de penuxe e precoces empluman en catro ou cinco semanas.

O ralo africano aliméntase dunha ampla variedade de invertebrados, xunto con algunhas pequenas ras e peixes, e tamén de materia vexetal, especialmente sementes de herbas. É depredado por aves de presa grandes, serpes ou mamíferos, includíndo os humanos, e pode albergar parasitos. Aínda que pode desprazarse temporalmente por causa de lumes nas pradeiras, ou permanentemente por culpa da agricultura, a drenaxe de zonas húmidas ou a urbanización, a súa ampla área de distribución e poboación fan que non sexa considerado unha especie ameazada.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Os rálidos son unha familia de aves que comprende case 150 especies. Aínda que as orixes do grupo pérdense no tempo, o máior número de especies e as formas máis primitivas atópanse no Vello Mundo, o que suxire que esta familia se orixinou alí. A taxonomía dos ralos pequnos é complicada, mais durante moito tempo se pensou que o parente máis próximo do ralo africano era o rei dos paspallás (Crex crex), que se reproduce en Europa e Asia, pero pasa o inverno en África. O ralo africano foi descrito por primeira vez co nome Ortygometra egregia por Wilhelm Peters en 1854 a partir dun espécime recollido en Mozambique,[3] mais o nome do xénero non chegou a establecerse. Durante algún tempo foi situado como membro único no xénero Crecopsis[4] mais despois pasárono ao xénero Crex, creado para esta especie polo naturalista e ornitólogo alemán Johann Matthäus Bechstein en 1803.[5]

Richard Bowdler Sharpe considerou que esta ave africana difería suficientemente do rei dos paspallás como para ter o seu propio xénero Crecopsis, e autores posteriores situárono ás veces en Porzana, baseándose en semellanzas con P. albicollis (hoxe Mustelirallus albicollis). Diferenzas estruturais descartaron Porzana, e a súa colocación dentro de Crex pasou a ser o tratamento máis común e máis apoiado,[6][7] ata que a Comité Ornitolóxico Internacional (IOC) na súa lista mundial de aves d 2020 volveu a situar este ralo no xénero Crecopsis. Esta decisión debeuse ás investigacións que mostraban que o ralo africano estaba máis estreitamente relacionado con Rougetius rougetii, que co rei dos paspallás.[8][9]

O nome do xénero Crecopsis deriva de Crex e do grego antigo opsis, 'aparencia',[10] e o nome da especie egregia deriva do latín egregius, 'salientable, prominente'.[11]

Descrición

[editar | editar a fonte]
BERJAYA
En Suráfrica.

É un ralo máis ben pequeno, de 20–23 cm de longo cunha envergadura alar de 40–42 cm. O macho ten a parte dorsal de cor anegrada e con manchas marróns oliváceas, excepto a caluga e parte posterior do pescozo, que son marróns claras; ten unha liña branca que vai da base do bico á zona por riba do ollo. As partes laterais da cabeza, parte anterior do pescozo, gorxa e peito son de cor gris-azulada, as plumas de voo son marróns escuras, e os flancos e laterais da barriga teñen raias negras e brancas. O ollo é vermello, o bico avermelado e as patas e pés son marróns claras ou grises. Os sexos son de aspecto similar, aínda que a femia é lixeiramene máis pequena e clara que o macho, cun padrón da cabeza menos contrastado. Os exemplares inmaturos teñen partes ventrais máis escuras e apagadas que os adultos, un bico negro, ollo gris e menos liñas no ventre. Non hai variacións subespecíficas ou xeográficas na plumaxe. Este ralo experimenta unha muda completa despois da reprodución, principalmente antes da migración.[3] Se ben esta especie aparece en hábitats bastante abertos, carece da cor branca baixo a cola usada como sinalización en augas abertas ou propia de especies gregarias como os galos de auga (Fulica) e as galiñas de auga (Gallinula).[12]

O ralo africano é máis pequeno que o rei dos paspallás, o cal ten tamén partes ventrais máis escuras, cara gris e diferentes padróns de liñas nas partes ventrais. En voo, a especie africana ten ás máis curtas e romas cun bordo de ataque branco menos prominente e dá batidos de ás máis profundos que os seus parentes. Outros ralos simpátricos son máis pequenos e con marcas brancas ventrais, padróns diferentes nas partes inferiores e un bico máis curto. O ralo africano ten partes inferiores marróns escuras, un bico vermello longo e patas e pés vermellos.[3]

Vocalización

[editar | editar a fonte]

Igual que outros rálidos, esa especie ten unha gran variedade de vocalizacións. A chamada territorial e de advertencia do macho é unha serie de sons renxentes rápidos como krrr repetidas dúas ou tres veces por segundo durante varios minutos. Fana principalmente na estación reprodutora, usualmente ás primeiras ou últimas horas do día, pero ás veces continúan despois do solpor ou empezan antes do amencer. O macho mantense de pé co pescozo estarricado cando está facendo a advetencia, pero tamén fai a chamada cando persegue os intrusos polo chan ou en voo. Ambos os sexos fan unha chamada alta e aguda como un kip como alarma ou durante interaccións territoriais, adaptando unha pose similar á que adoptan cando fan a chamada de advertencia. Unha vez que empeza a reprodución, son moito máis silenciosas, pero os exemplares territoriais comezan a chamada kip de novo durante a estación non reprodutora, especialmente cando hai unha alta densidade de ralos africanos na área. Un arfante kraaa está asociado con exhibicións de ameaza e a copulación; a imitación desta chamada feita por un humano pode facer que o ralo se achegue ata uns 10 m. As crías que acaban de facer eclosión fan unha chamada suave tipo uiiiz, e as crías máis vellas pían.[3]

A chamada de advertencia estridente distínguese doadamente do huitt-huitt-huitt da poliña pinta, o monótono tictac de reloxo tak-tak-tak-tak-tak da poliña raiada, ou o kuik-kuik da poliña anana.[13] O rei do paspallás é silencioso en África.[14]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]
BERJAYA
Pradeira africana, hábitat ideal para o ralo africano.

O ralo africano vive na África subsahariana desde Senegal ata Kenya polo leste, e ata KwaZulu-Natal, Suráfria polo sur, excepto nas áreas áridas do sur e suroeste de África onde as precipitacións estivais anuais son de menos de 300 mm. Está moi espallado e é localmente común na maior parte da súa área, agás nas selvas e nas rexións máis secas. Case toda a poboación surafricana duns 8.000 exemplares vive en KwaZulu-Natal e a antiga Provincia de Transvaal, e hai moito hábitat bo para el protexido dentro do Parque Nacional Kruger e o Parque de Zona Húmida de iSimangaliso. Este ralo só pode verse como ave vagante ata o sur de Mauritania, soroeste de Níxer, Lesoto, norte de Suráfrica e leste da Provincia do Cabo e Provincia Noroeste[3][15] e sur de Botsuana.[16] Máis lonxe, é raro na illa de Bioko (Guinea Ecuatorial),[17] e houbo dous rexistros da súa presenza en São Tomé e outros dous en Tenerife, e estas aves vistas nas Canarias son o seu primeiro rexistro no Paleártico occidental.[18][19] Os restos do Holoceno atopados no norte de África suxiren que a especie estaba máis espallada cando o clima era máis húmido na zona onde agora está o deserto do Sáhara.[20][21]

Este ralo é unha ave parcialmente migradora, pero, aínda que é menos vagabundo e axexante que moitos dos seus parentes, os seus movementos son complexos e pouco estudados; o mapa de distribución é, polo tanto, bastante hipotético. É principalmente un reprodutor da estación húmida, e moitos exemplares vanse da zona do ecuador en canto as chuvias permiten o crecemento de suficiente cobertura herbácea para que poida repoducirse noutra parte. O movemento cara ao sur é pincipalmene de novembro a abril, o retorno ao norte empeza cando os incendios ou a seca reducen a cobertura de herba de novo. Esta especie está presente todo o ano nalgúns países de África Occidental e nas rexións ecuatoriais, pero mesmo nesas zonas a súa cantidade varía estacionalmente debido aos movementos locais; detectouse unha migración norte-sur en países como Nixeria, Senegal, Gambia, Costa do Marfil e Camerún.[3] A migración implica pequenos grupos de ata oito aves.[1] Despois de que comezaron as chuvias, poden pasar un ou dous meses ata que a herba está o suficientemente alta para que cheguen as aves reprodutoras. Incluso en África do sur, algunhas aves poden permanecer alí despois de reproducirse se queda suficiente hábitat utilizable.[16]

O hábitat é predominantemente de pradeira, que pode ser desde as beiras das zonas húmidas e marismas estacionais ata a sabana, pradeiras secas con algúns árbores, e claros de bosque con herbas. O ralo tamén frecuenta os campos de millo, arroz e algodón, granxas abandondas e plantacións de cana de azucre preto da auga. Usan unha ampla variedade de especies herbáceas, cunha altura preferida de 0,3–1 m, pero a vexetación é aceptable ata os 2 m de altura. Normalmente prefiren hábitats de pradeira herbosa máis húmidas e de talos máis curtos que as que prefire o rei dos paspallás, e os seus territorios reprodutores adoitan conter ou están próximos a matos ou termiteiros. Vive desde o nivel do mar ata os 2.000 m de altura, mais é raro en pradeiras de maior altitude. O seu hábitat de pradeira arde frecuentemente na estación seca, o que forza as aves a marchar a outro lado.[3] Nun estudo feito en África oriental, a área media ocupada por un exemplar era de 2,6 ha cando se reproducían, e de 1,97 a 2,73 ha noutros momentos.[22] As maiores densidades ocorren en pradeiras húmidas ou vizosas como as do delta do Okavango.[16]

Comportamento

[editar | editar a fonte]
BERJAYA
Ilustración de Claude Gibney Finch-Davies, 1912.

O ralo africano é activo durante o día, especialmente ao solpor, cando hai chuvias lixeiras, ou despois dun chubasco forte. Deambula e axexa menos e é máis fácil de espantar de onde está agochado que outros ralos, e adoita verse nos bordos das estradas e camiños. Un observador que vaia nun vehículo pode achegarse a 1 m. Cando o paxaro se espanta, normalmente voa menos de 50 m, pero os que acaban de chegar a un lugar poden voar por veces o dobre de lonxe. Un ralo espantado xeralmente aterra nunha área húmida ou detrás dun mato, e agáchase ao aterrar. En zonas de herbas curtas, pode escapar dun can usando a súa velocidade e monobrabilidade, correndo co corpo en posición case horizontal. Pode pousarse nunha depresión preto dun mato de herbas e bañarse en charcos.[3]

É unha ave teritorial tanto en terreos de reprodución coma noutros; a exhibición de ameaza do macho consiste en que a ave se mantén de pé e estende as plumas dos flancos e da barriga como un abano para mostrar as súas partes inferiores con raias. Pode avanzar cara ao intruso ou camiñar ao lado xunto a outro macho que tamén está facendo exhibición. A femia pode acompañar ao macho, pero coas plumas menos estendidas en abano. As loitas nas lindes territoriais consisten en que os machos choutan sobre o outro e peteiranse. Pares de femias poden atacar outras femias que estean no territorio, especialmente se o macho mostrou interese por elas.[3]

Reprodución

[editar | editar a fonte]
BERJAYA
Unha parella apareándose no Parque Nacional de Chobe.

O comportamento reprodutor comenza cunha persecución de cortexo na que a femia corre en posición agachada, perseguida polo macho, que adopta unha postura máis ergueita e co pescozo estirado. A femia pode parar e baixar a cabeza e cola para permitir a copulación; esta só tarda uns poucos segundos, pero poden repetila varias veces nunha hora. O niño é unha copa pouco profunda feita de follas de herba, ás veces cun dosel moi solto, e todo o conxunto constrúese nunha depresión e oculto baixo un pequeno arbusto ou nun mato de herba; pode estar no chan seco ou lixeiramente elevado sobre auga estancada, ou ás veces flotante. O niño é duns 20 cm de diámetro e a copa interna ten 2–5 cm de profundidade, e 11–12 cm de ancho. O tamaño da posta é de 3 a 11 ovos de cor rosa;[23] o primeiro adoitan poñelo cando o niño é pouco máis que un coxín de herbas, e poñen outro en cada día sucesivo. Ambos os sexos incuban, e os ovos empezan a facer eclosión pasados uns 14 días; todos fan eclosión nun período de 48 horas a pesar do amplo que é o período de posta. As crías, precoces, penuxentas e negras, axiña abandonan o niño pero son alimentadas e protexidas polos seus proxenitores. O emplumado ocorre en catro a cinco semanas e as crías poden voar antes de creceren totalmente. Non se sabe se crían unha segunda posta.[3]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

O ralo africano aliméntase de invertebrados, como miñocas, gasterópodos, moluscos e os adultos e larvas de insectos, especialmente térmites, formigas, escaravellos e saltóns. Tamén poden comer algún vertebrado, como ras pequenas ou peixes. Comén material vexetal, especialmente sementes de herbas, e tamén brotes verdes, follas e outras sementes. Buscan a comida tanto entre a vexetación coma no campo aberto, apañando insectos e sementes do chan, dándolle a volta a follas caídas, ou escavando co bico en chan mol ou moi seco. Persiguen presas que se moven rápido, érguense para tomar comida de plantas, e camiñan en augas pouco profundas para buscar comida na auga.[3] äs veces comen plantas agrícolas como o arroz, millo e chícharos, pero este paxaro non é unha praga para a agricltura.[24][25] Busca a comida en solitario, en parellas ou en grupos familiares, ás veces en asociación con outras aves de pradeira como a arceúcha real, a Excalfactoria adansonii e o rei dos paspallás.[3] As crías aliméntanse principalmente de alimento animal. Como outros ralos, tragan pedriñas para axudaren a triturar a comida no estómago.[26]

Predadores e parasitos

[editar | editar a fonte]

Entre os seus predadores están o leopardo,[27] o serval, gatos, a garza Ardea melanocephala, o falcón Melierax metabates, as aguias Aquila spilogaster e Hieraaetus wahlbergi.[3] En Suráfrica, hai rexistros de crías acabadas de eclosionar que foron comidas por unha cobra Dispholidus typus.[28] Se son sorprendidos, os ralos africanos choutan verticalmente no aire antes de fuxiren correndo, unha táctica que se cre axuda a evadirse de serpes e mamíferos terestres.[29]

Parasitos destas especies son as carrachas da familia Ixodidae,[30][31] e un ácaro das plumas, Metanalges elongatus, da subespecie M. e. curtus. A forma nomeada do ácaro vive miles de quilómetros desta subespecie en Nova Caledonia.[32]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

O ralo africano ten unha área de reprodución enorme estmada en 11.700.000 km2. A súa poboación é descoñecida, pero é común na maioría da súa área, e a súa cantidade parece ser estable. Polo tanto, clasifícase como en Preocupación menor (pouco preocupante) na Lista Vermella da IUCN.[1] O sobrepastoreo, a agricultura e a perda de zonas húmidas e pradeiras húmidas reduciu a dispoñibilidade de hábitats axeitados en moitas áreas, como algunhas partes do sur da costa de KwaZulu-Natal que foi urbanizada e plantada de cana de azucre. Noutras áreas, a pradeira puido incrementarse localmente en anos recentes a medida que se foi cortando o bosque. Este ralo é considerado un bo alimento para os humanos e é cazado para comelo nalgunhas rexións. Malia estes factores adversos, non parece estar baixo unha ameaza real.[3]

Aínda que a maioría dos ralos no Vello Mundo están baixo a protección do Acordo para a Conservación de Aves Acuáticas Migratorias Africano-eurasiáticas (AEWA), o ralo africano non está listado nin sequera en Kenya, onde é considerado unha especie "case ameazada". Como o seu parente o rei dos paspallás, é demasiado terrestre para ser clasificado como especie de zonas húmidas.[33]

  1. 1 2 3 BirdLife International (2016). "Crecopsis egregia". p. e.T22692539A93357762. doi:10.2305/IUCN.UK.2016-3.RLTS.T22692539A93357762.en. Consultado o 14 de febreiro de 2022.
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
  3. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 Taylor & van Perlo (2000) pp. 316–320
  4. Peters, James Lee (1934). Check-list of birds of the World. Volume 2. Cambridge, Massachusetts: Harvard University Press. p. 181.
  5. Bechstein, Johann Matthäus (1803). Ornithologisches Taschenbuch von und für Deutschland oder kurze Beschreibung aller Vogel Deutschlands, vol 2 (en alemán). Leipzig: Richter. p. 336.
  6. Taylor & van Perlo (2000) p. 30
  7. Livezey (1998) p. 2098
  8. "IOC World Bird List version 10.2:Flufftails, finfoots, rails, trumpeters, cranes, limpkin". IOC. Consultado o 30 de novembro de 2020.
  9. Garcia-R, Juan C; Lemmon, Emily Moriarty; Lemmon, Alan R; French, Nigel (2020). "Phylogenomic Reconstruction Sheds Light on New Relationships and Timescale of Rails (Aves: Rallidae) Evolution". Diversity 12 (2): 70. doi:10.3390/d12020070.
  10. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. p. 121. ISBN 978-1-4081-2501-4.
  11. The Chambers Dictionary (9ª ed.). Edimburgo: Chambers. 2006. p. 477. ISBN 0-550-10185-3.
  12. Stang, Alexandra T; McRae, Susan B (2009). "Why some rails have white tails: the evolution of white undertail plumage and anti-predator signaling". Evolutionary Ecology 23 (6): 943–961. Bibcode:2009EvEco..23..943S. doi:10.1007/s10682-008-9283-z.
  13. Newman, Kenneth (2002). Newman's Birds of Southern Africa. Cidade do Cabo: Struik. pp. 120–122. ISBN 1-86872-735-1.
  14. Serle, William; Morel, Gérard J (1977). A Field Guide to the Birds of West Africa. Londres: Collins. p. 60. ISBN 0-00-219204-7.
  15. Hudson, Adrian; Bouwman, Henk (2006). "New records of 45 bird species in the desert margins area of the North-West Province, South Africa". Koedoe 49 (1): 9198. doi:10.4102/koedoe.v49i1.102.
  16. 1 2 3 Taylor P B. "African Crake" (PDF). Southern African Bird Atlas Project. Animal Demography Unit (Department of Zoology, University of Cape Town), BirdLife South Africa, South African National Biodiversity Institute. Consultado o 26 de maio de 2011
  17. Larison, Brenda; Smith, Thomas B; Milá, Borja; Stauffer, Donald; Nguema, José (1999) " Bird and Mammal Surveys of Rio Muni" pp. 9–57 in Larison, Brenda; et al. (1999). Biotic Surveys of Bioko and Rio Muni, Equatorial Guinea (PDF) (Informe). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2011-07-20. Consultado o 2011-05-20.
  18. de Juana, Eduardo; El Comité de Rarezas de la Sociedad Española de Ornitología (2003). "Observaciones de aves raras en España, 2001" (PDF). Ardeola (en castelán) 50 (1): 123–149.
  19. Amadon, Dean (1953). "Avian systematics and evolution in the Gulf of Guinea: The J. G. Corrleia collection" (PDF). Bulletin of the American Museum of Natural History 100 (3): 393–452.
  20. Peter, Joris; Pöllath, Nadja (2002) "Holocene faunas of the Eastern Sahara: zoogeographical and palaeoecological aspects" pp. 34–51 in Albarella, Umberto; Dobney, Keith; Rowley-Conwy, Peter, eds. (2002). Proceedings of the 9th Conference of the International Council of Archaeozoology, Durham, agosto de 2002 (PDF).
  21. Gautier, Achiel (1998). "Animals and people in the Holocene of North Africa". ArchaeoZoologia 9 (1/2): 1–181.
  22. Taylor, P B (1985). "Field studies of the African Crake Crex egregia in Zambia and Kenya". Ostrich 56 (1, 3): 170–185. Bibcode:1985Ostri..56..170T. doi:10.1080/00306525.1985.9639587.
  23. Sclater, W L (1906). The Birds of South Africa. Volume 4. London: R H Porter. pp. 248–249.
  24. Manikowski, S (1984). "Birds injurious to crops in West Africa". International Journal of Pest Management 30 (4): 379387. doi:10.1080/09670878409370914.
  25. Funmilayo, O; Akande, M (1977). "Vertebrate pests of rice in southwestern Nigeria". International Journal of Pest Management 23 (1): 3848. doi:10.1080/09670877709412395.
  26. Taylor & van Perlo (2000) pp. 3941
  27. Hill, R A (2001). "Leopard cub kills crake". CCA Ecological Journal 3: 63.
  28. Haagner, G V; Reynolds, D S (1988). "Notes on the nesting of the African Crake at Manyeleti Game Reserve, eastern Transvaal". Ostrich 59: 45. doi:10.1080/00306525.1988.9633925.
  29. Taylor & van Perlo (2000) p. 44
  30. Elbl, Alena; Anastos, George (1966). Ixodid ticks (Acarina, Ixodidae) of Central Africa, Volume 4. Tervuren, Belgium: Musée royal de l'Afrique centrale. p. 58.
  31. Zumpt, Fritz (1958). "A preliminary survey of the distribution and host-specificity of ticks (Ixodoidea) in the Bechuanaland Protectorate". Bulletin of Entomological Research 49 (2): 201–223. doi:10.1017/S0007485300053554.
  32. Zumpt, Fritz (1961). The Arthropod Parasites of Vertebrates in Africa South of the Sahara (Ethiopian Region), Volume 1: Chelicerata. Johannesburg: South African Institute for Medical Research. pp. 200–201.
  33. Ng'weno, Fleur; Matiku, Paul; Mwangi, Solomon, eds. (1999). Kenya and the African-Eurasian Waterbird Agreement (AEWA). Nairobi: NatureKenya. pp. 1617. Arquivado dende o orixinal o 2014-09-03.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]